IniciosociedadeAs novas xeracións mandan na Rapa das Bestas de San Tomé

As novas xeracións mandan na Rapa das Bestas de San Tomé

Os máis novos puxéronse á fronte da organización desta cita tradicional no concello do Valadouro

Publicada o

- Advertisement -

San Tomé do Valadouro prepárase para cumprir coa tradición da Rapa das Bestas. O traballo comeza antes de que visitantes e turistas cheguen este domingo ao curro. “Na véspera levamos os cabalos a unha zona do monte próxima”, coméntanos Christian López. Nesas anda mentras nos conta ao detalle o programa.

Os organizadores comezarán a baixar o gando cara ao recinto acoutado en torno ás dez da mañá, e unha hora despois comezará o ritual que cada ano atrae máis persoas a este lugar do Valadouro.  A Rapa das Bestas converteu en celebración unha tarefa fundamental para os gandeiros que tiñan cabalos no monte.  Coa chegada do verán, cortábanse as crins dos animais para evitar que criaran parasitos e identificábanse cunha marca única para cada propietario.

A actuación da Asociación Cultural Amado Lar amenizará a mañá no curro

Isto faise agora no curro ante a expectación de veciños e visitantes que admiran a bravura dos aloitadores e das bestas, que neste caso serán preto dun centenar de cabezas. Xusto antes, as miradas e as cámaras fixaranse no encontro de garañóns que se exhibirán en defensa da súa manada.

Tralo esforzo, descanso para todos a redor dunha comida no monte ou nos postos de polvo que se instalarán xunto ao curro. O programa segue á tarde con carreiras de cabalos – do país e cruzados- e de burros, con premios para os máis rápidos, e con xogos populares  -tiro de corda (homes, mullleres e nenos) e arrolamento de rolos por parellas.

DE XERACIÓN EN XERACIÓN

Ademais de ser a última da temporada na Mariña –despois das de Candaoso en Viveiro e do Campo do Oso en Mondoñedo-, a Rapa das Bestas do Valadouro esconde outra peculiaridade, a xuventude dos organizadores.  Con 23 anos, e sumando forzas con Pedro Blanco e outros veciños, Christian púxose á fronte dunha celebración que “mamou” desde pequeno da man do seu avó, un dos organizadores.

As primeiras Rapas das Bestas do Valadouro celebráronse nunha propiedade no lugar de Sabucedo

“El e o avó de Pedro tiñan uns cabalos en común que marcaban co “5”, e nos seguímolo facendo así”, explica.  Os seus devanceiros comezaron a facer a Rapa “nun caserío que tiña unha propiedade pechada ao redor, nun lugar que casualmente se chama Sabucedo.  Hai fotos antiquísimas desas primeiras edicións”, engade o mozo.

“Conservamos a Rapa convencidos de que o rural ten futuro, e de que é unha forma de lograr que a xente coñeza este lugar.  En Santo Tomé, somos pouco máis de corenta veciños. Os turistas cando veñen van ás capitais municipais e non se achegan a estes sitios, que tamén merecen ser visitados”.

Non escatiman en esforzos para logralo, cunha profusa promoción do evento en redes sociais e a pé de carretera “preto da Praia das Catedrais, aproveitando que recibe moitos turistas”.

CADA VEZ  MENOS ANIMAIS

“Tradicionalmente márcanse as “poldras quincenas” (de quince meses) pero os problemas co lobo fan que cada ano haxa menos, así que tamén haberá nais”- lamenta Christian López, facéndose eco dun problema que padecen os propietarios e comuneiros dos cabalos, case todos gandeiros que se dedican ao vacún de carne e que teñen a estes animais para limpar de maleza o monte.

Os propietarios e comuneiros perden moitos cabalos por mor dos lobos

Un mantemento sustentable e respetuoso tamén co patrimonio arqueolóxico que se conserva na zona, a mámoa do Chao de Padorno e o Prado das Chantas. “Non podemos empregar maquinaria para desbrozar, e os cabalos cumpren ese papel, pero os lobos matan practicamente todos os poldros, de cen nais podemos criar dous ou tres”, explica. “Cremos que se debería poñer unha solución a este problema que, ao final, non é máis que outro obstáculo para que a xente traballe e viva no rural”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...